A nova Rede de comercios e mercados no Camiño potenciará as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que pasa
A nova Rede de comercios e mercados no Camiño, xurdida ao abeiro do Xacobeo 2021, potenciará as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que pasan os Camiños de Santiago.
Esta iniciativa de apoio ao pequeno comercio, que entronca co obxectivo estratéxico do Goberno galego, como é o Ano Santo, foi abordada polo Consello da Xunta de Galicia.
A Rede busca a dinamización comercial do Camiño, potenciando as vendas e a visibilización dos comercios e mercados na ruta; mellorar os servizos que reciban os peregrinos; e fidelizar aos clientes, fomentando a relación online cando volvan aos seus lugares de orixe.
Á Rede poderanse sumar os establecementos comerciais e os vendedores de prazas de abastos, e tamén as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados.
Máis polo miúdo, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula a Rede e que inclúe tamén axudas que poderán chegar ata 2.800 euros por persoa beneficiaria.