A Xunta pon en marcha o plan de financiamento empresarial para 2020 que apoiará a 1.900 emprendedores e pemes, cunha mobilización de preto de 300 millóns de euros
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a posta en marcha do plan de financiamento empresarial para 2020 que prevé apoiar a 1.900 emprendedores e pemes, cun orzamento de 103 millóns de euros e unha mobilización de preto de 300 millóns de euros.
Máis polo miúdo, Feijóo precisou que dos 103 millóns de euros de investimento, destinaranse: 18 millóns para financiamento empresarial; 12,2 millóns para préstamos IFI; 8,8 millóns para avais; 46,2 millóns para reforzar os fondos propios das empresas e 17,8 millóns a través de XesGalicia.
Entre as iniciativas desenvolvidas polo Igape, o titular do Executivo autonómico destacou o programa de préstamos destinado a pemes e grandes empresas que realicen investimentos de entre 1,5 e 10 millóns de euros. E referiuse tamén aos préstamos IFI para apoiar ata 40 proxectos de pemes que realicen investimento de ata 1,6 millóns; e á liña de avais destinada a arredor de 210 proxectos de pemes que realicen investimentos de ata 1 millón de euros.
No que respecta aos apoios para reforzar os fondos propios das empresas, terán como obxectivo apoiar 1.600 proxectos que prevén mobilizar 134,2 millóns de euros. Mentres, a través de XesGalicia prevese apoiar 27 proxectos cunha achega de 17,8 millóns de euros.
Como principais novidades, Feijóo destacou dúas novas liñas de financiamento:
A iniciativa Centros de Fabricación Avanzada, que promoverá a execución de infraestruturas compartidas para o apoio á industria.
E a nova liña de financiamento ás empresas da industria auxiliar naval que poidan estar sufrindo atrasos nos pagamentos debido ás dificultades que atravesan determinados estaleiros; e que estará incluída no programa de préstamos directos.
Feijóo lembrou que, entre 2014 e 2019, o plan de financiamento empresarial da Xunta, que contou cun orzamento de 315 millóns de euros, beneficiou a 12.500 empresas –máis de 6 empresas ao día-, chegando a mobilizar máis de 1.370 millóns en cinco anos e medio.
En concreto, o 94% dos recursos destináronse ao financiamento de investimentos e de gastos operativos e a porcentaxe restante a circulante. E o 92% do mobilizado pertence a proxectos de autónomos e pemes e permitiu apoiar investimentos en 8.450 proxectos.
“Dicir que financiamos 6 empresas cada día dá unha orde da magnitude coa que realmente estamos actuando para dinamizar, sobre todo, autónomos e pequenas e medianas empresas”, concluíu Feijóo.