Aberta a convocatoria para as probas para a obtención da certificación en competencias dixitais en ofimática
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a Resolución do 5 de outubro de 2020 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) pola que se convocan as probas de avaliación de carácter libre para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática.
Tal e como establece a dita Resolución o obxecto da convocatoria é facilitar a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro (DOG núm. 229, do 30 de novembro), tras a superación da proba presencial en que se acreditarán os coñecementos, capacidades e destrezas definidos no Plan formativo ofimático de Galicia.
Ao mesmo tempo, indica que poderán participar nestas probas todas aquelas persoas maiores de 16 anos, ou que os cumpran antes da finalización do prazo de inscrición, inscritas como usuarios/as da rede CeMIT.
As probas, sobre os contidos establecidos na mencionada Resolución, desenvolveranse entre o mércores 11 e o venres 13 de novembro nas correspondentes aulas CeMIT das distintas localidades indicadas no punto 3º da mesma.
As persoas que desexen participar nas probas deberán inscribirse a través da Internet no portal de CeMIT.