A Xunta amplía os prazos de amortización e carencia da súa liña de préstamos e microcréditos para seguir apoiando a solvencia do tecido empresarial galego
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou que, co obxectivo de seguir apoiando a solvencia das empresas galegas, a Xunta vai ampliar ata os dous anos o período de carencia da súa liña de préstamos e microcréditos e incrementará en tres anos máis o prazo de amortización destas operacións, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia.
Nun webinario organizado por AJE Galicia para informar sobre as axudas da Xunta para pemes e persoas traballadoras autónomas, Conde lembrou que esta liña de préstamos e microcréditos avalados polo Igape en colaboración coas sociedades de garantía recíproca, foi aprobada cando se iniciou a pandemia para dar liquidez ao tecido empresarial galego coa previsión de mobilizar máis de 300 millóns de euros.
No encontro, no que tamén participaron o director do Igape, Fernando Guldrís e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, o vicepresidente económico precisou que a Xunta activou en tempo récord 160 millóns de euros en axudas directas a través do Plan de rescate. Na primeira convocatoria, xa foron entregadas máis de 33.000 axudas. E, nesta segunda, xa se empezaron a pagar, con menos requisitos e unha tramitación moi sinxela.
A Xunta, ademais, xa está a perfilar unha terceira edición deste plan, que se activará cos cartos que o Goberno central achegará ás comunidades autónomas. A Administración autonómica quere ter preparadas as axudas para tramitalas en canto reciba os fondos do Estado.