A Xunta impulsará en 2022 o talento e a inserción laboral feminina con máis de 34 millóns a través do Plan Emprega Muller
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou na inauguración do IV Encontro de emprendedoras do programa Emega.
De feito, anunciou que a Xunta impulsará en 2022 o talento e a inserción laboral feminina con máis de 34 millóns de euros a través do Plan Emprega Muller. Así o contempla o orzamento da Consellería de Emprego e Igualdade para o vindeiro exercicio que, ademais, inclúe máis de 16 millóns de euros para promover a conciliación e minimizar as dificultades das mulleres galegas para manterse ou reintegrarse ao mercado laboral con axudas encamiñadas a compensar a redución da xornada laboral, fomentar a corresponsabilidade, a flexibilidade horaria e o teletraballo e axudar a conciliar ás persoas autónomas.
Lorenzana puxo en valor o encontro celebrado hoxe baixo o título Mulleres que transforman Galicia, un espazo de unión, de formación e de intercambio de coñecemento, de creación de redes de contacto e de acompañamento, onde as mulleres emprendedoras, beneficiarias do programa Emega de diferentes sectores e actividades económicas, poden inspirar a futuras xeracións. En palabras da titular do departamento autonómico son mulleres que crean tecido empresarial galego e que inspiran a outras mulleres liderando empresas que se están consolidando e convertendo en referentes do sector produtivo galego.
A conselleira resaltou, deste xeito, o éxito desta iniciativa de emprendemento feminino que vén de celebrar o seu 25 aniversario e que en 2022 contará cun investimento por parte da Xunta de 4,2 millóns de euros, un 20% máis que este ano, o que supón a contía máis alta na historia deste programa. “Apostar polo emprendemento é un camiño de futuro para construír unha economía transformadora e equitativa en valores como a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”, indicou. Así mesmo, sinalou que Emega permitiu nos últimos doce anos, grazas a un investimento de máis de 14 millóns de euros, apoiar 1.134 iniciativas empresariais femininas e consolidar máis de 2.000 postos de traballo de mulleres.
Para rematar, indicou que as iniciativas emprendedoras incipientes e consolidadas de mulleres superan por segundo ano consecutivo ás dos homes, un 65% fronte a un 53%, segundo o informe da Red GEM sobre Galicia 2019-2020 e que Galicia é a sétima comunidade máis emprendedora de España e a segunda rexión con maior taxa de emprendemento feminino, só por detrás de Cataluña. “É importante seguir mellorando e unindo forzas para seguir fortalecendo este liderado feminino con selo galego”, rematou.