A Xunta inviste 1,3M€ para incentivar que as persoas traballadoras autónomas xeren emprego indefinido
As persoas traballadoras autónomas dispoñen ata o próximo 30 de setembro para solicitar as axudas que a Xunta ven de convocar no Diario Oficial de Galicia (DOG) con 1,3 millóns de euros para incentivar a contratación indefinida de persoal e a súa formación.
O programa de axudas, que incrementa o seu orzamento nun 35% ao pasar do millón de euros de 2021 ao 1.350.000 deste ano, prevé incentivos á contratación indefinida do primeiro, segundo ou terceiro traballador, cun bono contratación de ata un máximo de 22.500 euros, e un bono formación de 4.000 euros.
Para a primeira persoa traballadora indefinida, as axudas van desde os 4.000 euros aos 6.500 nos casos de parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Para incorporar á segunda e terceira persoa traballadora indefinida, a contía irá desde os 6.500 euros ata os 9.000 euros. Estes apoios poden incrementarse nun 25% no suposto de que a persoa incorporada sexa muller, teña máis de 45 anos, sexa emigrante retornado ou resida nun concello rural, entre outras variables.
Ademais, ponse en marcha por terceiro ano consecutivo o bono formación, que supón 4.000 euros a maiores por persoa contratada, sendo compatible co bono contratación.
Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas dispoñen ata o 30 de setembro para cursar a súa solicitude.
Está previsto que as axudas poidan chegar na presente convocatoria a unhas 240 persoas traballadoras autónomas.
Estes incentivos súmanse, por outra banda, aos 20,5 millóns de euros que a Xunta xa activou neste inicio de ano por medio de dúas ordes coas que pretende impulsar e favorecer a competitividade das persoas traballadoras autónomas na comunidade. Así, permanece aberta unha primeira liña de axudas de promoción do emprego autónomo que suporá apoios de ata 10.000 euros para altas neste réxime. A outra das iniciativas pretende, a través do Bono Autónomo, consolidar ata 3.200 negocios con traxectoria de traballadores por conta propia, con axudas que poden chegar aos 3.000 euros.
Con todas estas convocatorias a Xunta investirá un global de 21,8 millóns de euros cos que o Goberno galego quere seguir a favorecer este sector, que conta con máis de 218.000 afiliados na comunidade.