As axudas directas de entre 800 € e 1.500 € do programa Impacto autónomo poden solicitarse a partir do 9 de xaneiro e ata o 9 de febreiro
As axudas directas do programa Impacto Autónomo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poden solicitarse desde o 9 de xaneiro e ata o próximo 9 de febreiro. O Diario Oficial de Galicia publica as bases da convocatoria da primeira edición desta iniciativa, que conta cun investimento de 30 millóns de euros e ofrece axudas directas ás persoas autónomas de entre 800 euros e 1.500 euros para minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e dos subministros como os enerxéticos, que están a afectarlles e condicionar a súa actividade económica.
Impacto autónomo pretende, axudar de xeito específico ás persoas traballadoras por conta propia a paliar o custe da vida. Así o expuxo a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, nunha visita que realizou en Lugo á empresa Pampering -dedicada á elaboración de produtos de panadería e confeitaría- que é beneficiaria do Bono Autónomo e de incentivos á contratación e outras axudas para este colectivo, que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
As persoas beneficiarias das novas axudas serán as persoas autónomas dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou Réxime do Mar por conta propia, incluídas as persoas autónomas societarias e microempresas de ata 10 persoas traballadoras, e as mutualistas. As bases sinalan que será obriga contar con domicilio social en Galicia e ter uns rendementos netos mínimos de 10.000 euros e máximos de 30.000 euros no último exercicio económico pechado (ano 2021).
Para o caso das persoas autónomas societarias, ademais de cumprir co requisito de ter rendementos netos da actividade económica ou de traballo a nivel individual, a facturación da sociedade deberá ter un mínimo de 50.000 euros e non poderá superar os 750.000 euros. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras por conta propia de tempada que están de alta no momento da presentación da solicitude de axudas, e que teñan estado de alta un mínimo de catro meses e un máximo de nove meses nos anos 2021 e 2022.
A contía dos apoios establecerase en función dos rendementos netos e conforme á escala que se publica no Diario Oficial de Galicia. Para as persoas autónomas de tempada, os importes reduciranse á metade.
É preciso indicar que estas axudas son compatibles con calquera outro tipo de apoio da Xunta que impulsen o emprego autónomo. Para aquelas actividades que se desenvolvan en establecementos fixos abertos ao público, o negocio deberá estar aberto ao público durante os seis meses posteriores á publicación da orde de axudas.
Os 30 millóns de euros de investimento neste programa son adicionais aos 33 millóns de euros de orzamento xa consolidado para este colectivo nos presupostos da Xunta de 2023 para seguir apoiando a estes profesionais.