A Xunta financiará con axudas desde 6.000 € a contratación na empresa de persoas desempregadas con máis dificultades para atopar un traballo

As axudas do programa Galicia Emprega para incentivar a contratación de persoas desempregadas na empresa, centros especiais de emprego, entidades sen ánimo de lucro e empresas de inserción poderán solicitarse ata o próximo 29 de setembro. O Diario Oficial de Galicia publica a nova convocatoria deste programa ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina máis de 17,4 millóns de euros, un 34,7% máis que na pasada edición.

A actuación está dirixida á contratación de persoas con máis dificultades para atopar un posto de traballo como son a mocidade (contará con 6.000 euros de apoio base), persoas paradas de longa duración (10.000 euros), mulleres (14.000 euros) e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (16.000 euros). Como novidade nesta edición, incorpóranse como beneficiarios específicos os maiores de 55 anos ou máis, que contarán para a súa contratación cun apoio base de 10.000 euros. Tamén ábrese unha liña específica para os emigrantes retornados (10.000 euros).

Estas contías base por cada contrato que se desenvolva poderán incrementarse nun 25%, sendo acumulables entre si, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou se a contratación se realiza con mulleres nunha actividade económica con subrepresentación feminina, entre outros. Por cada contratación indefinida inicial que se realice, ademais, poderá solicitarse ata 4.000 euros para formación no centro de traballo.

Galicia Emprega, así mesmo, contempla incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a tempo completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos.


Máis información