A Xunta pon en valor na entrega dos premios Moce os apoios autonómicos ao emprendemento e o traballo autónomo que superarán os 80M€ en 2023
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na Fundación Paideia no acto de entrega dos Premios Moce -promovidos pola Fundación Ronsel coa colaboración da Xunta de Galicia e o BBVA- nos que destacou a importancia desta iniciativa para “impulsar e recoñecer” a actitud emprendedora de galegas e galegos e apoiar a creación de novas empresas que xeren riqueza na comunidade.
A Xunta de Galicia, avanzou, continúa comprometida co deseño de políticas activas de emprego enfocadas a impulsar o emprego autónomo, o emprendemento e a contratación entre os colectivos con máis dificultades para atopar un traballo. Así, no ano 2023, a Administración autonómica destinará 65 millóns a apoiar o emprego por conta allea e outros 18 millóns destinados de xeito específico ao emprendemento.