A Xunta lanza novas formacións gratuítas a través da rede eusumo para persoas emprendedoras interesadas na economía social
A Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social na nosa Comunidade, lanza novas formacións gratuítas para todas as persoas emprendedoras que queiran ampliar os seus coñecementos neste eido. En concreto, catro novos cursos deica final de ano dispoñibles no Campus Eusumo centrados en contabilidade, na internacionalización, no coaching e na responsabilidade social empresarial.
Así, o primeiro deles, sobre contabilidade básica para entidades de economía social, iniciarase o 17 de outubro e finalizará o día 31 do mesmo mes. Fará un repaso dos conceptos e os instrumentos clave da contabilidade e as finanzas co obxectivo final de que as persoas que o cursen melloren a xestión da súa empresa.
A segunda formación, sobre procesos de internacionalización para entidades de economía social, levarase a cabo entre o 2 e o 16 de novembro. Neste caso, os contidos estarán orientados a dar a coñecer os conceptos básicos, a importancia do plan de internacionalización, a adaptación do produto a un novo mercado e a xestión operativa para realizar a exportación.
En terceiro lugar, entre o 14 e o 28 de novembro, impartirase un curso sobre o coaching como oportunidade para emprender, que busca que as persoas interesadas en emprender e crear unha entidade de economía social sexan quen de sacar o mellor partido aos recursos cos que contan e de analizar a súa idea de negocio desde diferentes perspectivas para conseguir os seus obxectivos.
Por último, desde o 28 de novembro ata o 12 de decembro, lanzarase unha formación sobre a responsabilidade social empresarial (RSE) nas entidades de economía social, centrado en dar a coñecer o concepto e todas as súas dimensións, así como a metodoloxía e as ferramentas para analizar e avaliar as diferentes alternativas á hora de incorporar ou manter a RSE no modelo de negocio das entidades de economía social.
Só o ano pasado, a Rede Eusumo - que leva máis dunha década acompañando ás entidades que apostan pola fórmula da economía social e do cooperativismo na nosa Comunidade- formou un total de 1.317 persoas, das cales case o 70% foron mulleres. Así mesmo, titorizou máis de 230 persoas para que consolidasen os seus proxectos.
Toda persoa interesada en ampliar información, pode contactar coa Rede Eusumo a través do correo info@eusumo.gal ou do teléfono 610 17 43 89.