A Xunta celebra o 6º Encontro de mulleres emprendedoras
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou no 6º Encontro de mulleres emprendedoras apoiadas polo programa da Xunta que distribuíu este ano 2023 máis de 4,8 millóns de euros entre 362 iniciativas, contribuíndo a crear ou consolidar un total de 800 empregos femininos. No acto -no que tamén participou a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao- púxose de relevo que o plan se reeditará en 2024, para seguir avanzando nunha economía que garanta a igualdade de oportunidades.
Segundo destacou a secretaria xeral, a iniciativa que conta xa con 27 anos de traxectoria leva distribuído máis de 23 millóns de euros desde o ano 2009, permitindo a concesión de máis de 1.800 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear máis de 2.400 postos novos e o mantemento de case 1.100 preexistentes.
En concreto, segundo recordou, o programa non só comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén conta con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Vázquez destacou que o evento -que se celebra en Santiago de Compostela, na Escola Galega de Administración Pública- ten unha parte de formación e outra de encontro entre as participantes. Así, pola mañá houbo unha mesa de emprendedoras referentes na artesanía, na economía social, en entidades de base científica, na cultura e en sectores artísticos ou no comercio local. Tamén se falou das posibilidades que ofrecen os Polos de emprendemento e apoio ao emprego -con 12 activos na actualidade- e houbo unha formación presencial.
Xa pola tarde, levaranse a cabo dinámicas de formación en grupo. A maiores, cómpre engadir que todas as persoas asistentes poderán visitar os postos de distintas emprendedoras para coñecer as súas iniciativas empresariais.