A Xunta pon en marcha o novo Polo de Vilanova de Arousa, consolidando con 15 oficinas activas en toda Galicia a Rede de emprendemento e apoio ao emprego
A Xunta inaugurou un novo Polo de emprendemento e de apoio ao emprego, o de Vilanova de Arousa, que supón o número 15 da Rede e o terceiro na provincia de Pontevedra. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na posta en marcha desta nova oficina -con sede no Pazo de Vista Real- na que se presta de xeito gratuíto apoio e asesoramento a calquera persoa que desexe emprender un negocio en Galicia ou consolidar o que xa ten en funcionamento.
Durante o acto -ao que tamén asistiu o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán- José González puxo en valor esta iniciativa autonómica que arrancou en xullo de 2022 e que conta, con esta nova apertura, con 15 polos activos, nos que xa se prestou asesoramento a máis de 2.800 proxectos empresariais en diferentes fases e realizou máis de 7.500 titorías. O conselleiro sinalou, ademais, que o Polo de Vilanova contribuirá a reforzar aínda máis o tecido emprendedor da provincia de Pontevedra, sumándose á actividade que xa se viña desenvolvendo nos de Silleda e O Porriño, con preto de 800 proxectos atendidos.
En palabras de González, a Rede de polos representa o compromiso da Xunta co futuro económico e social da Comunidade, poñendo todas as ferramentas necesarias á disposición daqueles que desexan transformar as súas ideas en proxectos sólidos e sustentables co fin de xerar máis e mellor emprego de calidade en Galicia, co foco posto no rural.
José González destacou que seguir impulsando as políticas de apoio ao emprendemento – que fixeron a Galicia merecedora do premio Rexión Emprendedora Europea 2025- é unha prioridade estratéxica para a Xunta e, por iso, explicou que é tan importante explorar e saber aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece a comunidade galega, apoiando ás persoas que estean dispostas a facelo.
Neste senso, remarcou que en 2025 se seguirá reforzando esta área de xeito estratéxico, cun investimento global ao emprendemento de 32 millóns de euros, e con foco en colectivos prioritarios como a mocidade, a través da Estratexia Mocidade Activa -dotada con 20 millóns de euros a maiores só por parte da Consellería de Emprego-, os galegos retornados que contemplen ao autoemprego como vía para o retorno -cun investimento de 1 millón de euros no programa de mentoría Merlo-; os nómadas dixitais, a través da consolidación do proxecto Fixar, que busca atraer emprendedores ao rural galego; ou o propio tecido comercial. A este respecto, mencionou o importante labor da Rede de polos para acompañar e asesorar proxectos de remuda xeracional de negocios que se traspasan -un 7% dos atendidos son desta índole-, na metade dos casos pola xubilación dos seus titulares.
O titular de Emprego salientou, asemade, que en 2025, no marco do investimento global ao emprendemento, se destinarán 6,2 millóns de euros en seguir reforzando a Rede de polos e se poñerán en marcha diferentes medidas ao seu abeiro, como un Bono de emprendemento para novas empresas, cun orzamentos de 700.000 euros para o apoio á creación de empresas innovadoras, proporcionando apoio integral ao emprendemento e á creación de emprego en sectores con potencial de crecemento e relevantes na estrutura produtiva.
Ademais, indicou, que tamén se seguirá afondando en canalizar e coordinar todo o esforzo emprendedor en Galicia -ligado coa actividade das oficinas de emprego- a través do novo Centro de Orientación ao Emprendemento que se inaugurou recentemente na Coruña.