Subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración - 2023
- 13/01/2023
- 13/02/2023
-
Etapa
TU503A - Subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración - 2023
Data de publicación: 13/01/2023
Data inicio de solicitude: 14/01/2023
Data remate de solicitude: 13/03/2023
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións destinadas á mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración.
En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I (só restaurantes) do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
Características da axuda
Serán obxecto de subvención, de conformidade co que se establece na resolución, os seguintes investimentos:
1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación.
5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.
7. Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento.
8. Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.
O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase a persoa solicitante para que reaxuste o proxecto que se vai executar ao citado límite.
Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se lle atribúe a cada un deles:
a) Antigüidade. Máximo 18 puntos.
b) Grao de investimento. Máximo 15 puntos.
c) Impacto no emprego. Máximo 10 puntos.
d) Tamaño da entidade ou empresa. Máximo 15 puntos.
e) Que a empresa ou entidade estea en posesión dalgún certificado de calidade para o sector turístico referido ao establecemento para o cal se pide a axuda: 16 puntos.
f) Que a empresa ou entidade estea en posesión dalgunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida referido ao establecemento para o cal se pide a axuda: 16 puntos.
g) Que a empresa ou entidade teña implantado plan de formación/plan de igualdade: 10 puntos.
Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 60 % sobre o orzamento do investimento subvencionable.
O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 60.000 €.
A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden os proxectos presentados, segundo se detalla a seguir:
Puntos | Porcentaxe axuda |
---|---|
80 - 100 puntos | 60% |
60 - 79 puntos | 50% |
30 - 59 puntos | 40% |
As solicitudes cunha puntuación inferior a 30 puntos non poderán obter subvención.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia, o establecemento turístico para o que se solicita a axuda.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).