Programa de axudas para implantar a conciliación - 2024
- 06/02/2024
- 06/03/2024
-
Etapa
TR357D- Programa de axudas para implantar a conciliación - 2024
Data de publicación: 06/02/2024
Data de inicio solicitude: 07/02/2024
Data de remate solicitude: 06/03/2024
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das axudas e incentivos a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
Estas axudas comprenden a súa vez, tres subliñas:
Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.
Subliña II. 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.
Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.
Características da axuda
Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo
A axuda deberá centrarse en formalizar, polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de, polo menos, un ano, e/ou contratar ex novo persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa, e asinen coa persoa traballadora un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a dous anos.
O teletraballo, xa forme parte da descrición inicial do posto de traballo ou se inicie posteriormente, debe en ambos os casos documentarse mediante o acordo individual de teletraballo, que deberá cumprir con todos os requisitos establecidos na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.
O acordo de teletraballo debe indicar, de forma separada e numerada, o contido mínimo establecido no artigo 7 da Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia, debendo fixar un número mínimo de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 50% da xornada semanal ordinaria.
As axudas consistirán nun incentivo de 2.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 8.000 euros por empresa.
O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria
O acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar de xeito que queden reflectidas as melloras propostas con respecto á situación anterior e o compromiso de que as ditas medidas se manterán durante a duración do acordo.
As axudas consistirán nun incentivo de 8.000 euros por empresa solicitante. O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Subliña 3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo
Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos seguintes: computador persoal, medios materiais para o acceso á Internet e aqueles periféricos necesarios para as tarefas que se vaian desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware necesarios para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.
As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80% do investimento, co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 20.000 euros por empresa.
A axuda verase incrementada nun 10% para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.
Persoas beneficiarias
As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.
Se a solicitude é para as subliñas 1 e 3, as empresas deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora, e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.