Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria - 2025


  • 24/01/2025
  • 30/09/2025

TR342C - Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria - 2025

Data de publicación: 24/01/2025

Data inicio de solicitude: 31/01/2025

Data remate de solicitude: 30/09/2025


Infografía explicativa


Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar axudas que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e en entidades sen ánimo de lucro, especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

A Orde regula o Plan Galicia emprega de incentivos á contratación por conta allea dos colectivos vulnerables definidos, a través dunha liña de incentivos á contratación por conta allea e que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

Características da axuda

Para que as contratacións, os incrementos de xornada ou os incrementos na duración anual dos contratos fixos descontinuos sexan subvencionables, deberán axustarse aos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se realice cunha persoa que se encadre nalgún dos colectivos establecidos.

b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 e ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas. No caso de incremento de xornada ou de incremento na duración anual do contrato fixo, o dito incremento deberá realizarse igualmente no período subvencionable, do 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas.

c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.

d) No caso de axudas para a adaptación de postos de traballo, que o gasto estea realizado na data de presentación da solicitude.

Modalidades e requisitos aplicables a cada tipo de axuda:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida e a xornada a tempo completo. Exclúense os contratos fixos descontinuos.

Exceptúanse da xornada a tempo completo as contratacións de persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial; a xornada a tempo parcial será como mínimo do 50 %.

Para ser subvencionable a contratación deberá realizarse cunha persoa desempregada, segundo a definición establecida.

As contratacións deberán estar comunicadas a través da aplicación contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.

b) Incrementos de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

Os incrementos de xornada, das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial realizadas con calquera dos colectivos establecidos, serán subvencionables cando acaden o 100 % da xornada ordinaria ou da establecida no convenio colectivo de aplicación e deben producirse no período subvencionable e con anterioridade ou na mesma data da solicitude da axuda.

c) Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa. O incremento deberá ser de, polo menos, o 50 % sobre a duración inicial do contrato que se incrementa e debe producirse no período subvencionable e con anterioridade ou na mesma data da solicitude da axuda. Os contratos realizados con persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial.

d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade cuxo contrato se subvenciona ao abeiro desta Orde. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar cunha memoria da empresa en que se acredite a necesidade da adaptación ou dotación de equipamentos antes citada, así como os gastos realizados, conforme o modelo que consta na sede electrónica da Xunta.

As axudas terán os seguintes incentivos:

a) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas incentivaranse con distintas contías base, segundo o colectivo a que pertenza a persoa contratada:

A. Persoa moza: 6.000 €.

B. Muller: 6.000 €.

C. Persoa parada de longa duración: 6.000 €.

D. Persoa de 52 anos ou máis: 6.000 €.

E. Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira: 6.000 €.

F. Mulleres en ocupacións masculinizadas: 10.000 €.

G. Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social: 10.000 €. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

II. Se a persoa contratada é maior de 45 anos (incremento non aplicable na letra D do punto anterior)

III. Persoas trans.

A contía máxima posible que se subvencionará por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 14.500 €.

b) Incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais (de xornada parcial a xornada completa): incentivo de 2.000 €. Se o incremento de xornada se realiza en persoas con discapacidade, o incentivo será de 3.000 €.

c) Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa: incentivo de 4.000 €.

d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal: axuda de 1.000 €.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións establecidos.

Tamén poden ser entidades beneficiarias dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido dende: 
venres, 24 Xaneiro, 2025
Válido ate: 
martes, 30 Setembro, 2025