Subvencións para accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave - 2026

- 20/01/2026
- 30/09/2026
-
Etapa
TR301X - Subvencións para accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave - 2026
Data de publicación: 20/01/2026
Data inicio de solicitude: 26/01/2026
Data remate de solicitude: 30/09/2026
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para a realización de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas.
As subvencións terán como finalidade o financiamento das especialidades formativas relacionadas no anexo III, e estarán dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación formal total ou parcial incluída nun certificado profesional, ou á adquisición de competencias clave.
Características da axuda
A acción formativa está constituída polo contido específico da especialidade formativa que se vai impartir e polos módulos formativos transversais a que se refire esta Orde.
Entenderase con carácter xenérico como especialidade formativa calquera oferta do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, ou calquera competencia clave, que se vaia impartir nunha acción formativa.
En todas as accións formativas subvencionadas será obrigatoria a impartición dos módulos transversais establecidos no punto 1 e, de ser o caso, no punto 2, do artigo 30 da orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024.
A formación poderá realizarse, de acordo co que para tal efecto estableza e autorice o correspondente programa formativo da especialidade que se vai impartir, nas modalidades presencial ou virtual.
As accións formativas dirixidas a impartir competencias clave desenvolveranse na modalidade presencial, e non estará permitida a formación a través de aula virtual.
As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras ocupadas.
A consideración de persoa traballadora ocupada virá determinada pola súa situación laboral referida á data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego. As persoas traballadoras ocupadas que accedan á situación de desemprego cando se encontren en período formativo poderán seguir participando na acción formativa que están cursando.
Na modalidade presencial, o módulo económico euro/hora por persoa alumna aplicable a esta convocatoria será o establecido, para cada especialidade formativa, no anexo III. Nas especialidades formativas impartidas na modalidade virtual será de aplicación o 70 % do importe do módulo económico presencial euro/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 6 €.
Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade establécese un custo unitario de 16 € por hora lectiva.
Para os gastos destinados a promover a adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas, e a dotación de recursos materiais e medios didácticos apropiados ás persoas con discapacidade, establécese unha contía máxima por persoa alumna de 500 €.
O módulo de formación en empresa financiarase, de ser o caso, con 3 € por alumna ou alumno e horas da formación en empresa efectivamente titorizadas, que se destinarán ao financiamento dos custos da actividade da titorización da formación en empresa, así como ao custo da subscrición dunha póliza colectiva de accidentes de traballo e de responsabilidade civil.
Excluiranse deste cómputo as horas correspondentes ás horas de formación en empresa non realizadas polas persoas participantes exentas.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións as empresas e as entidades sen ánimo de lucro que, con anterioridade á data de presentación da solicitude de subvención, estean acreditadas ou, de ser o caso, inscritas para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C e/ou as competencias clave para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.
As entidades solicitantes deberán estar acreditadas ou inscritas para impartir as ofertas de formación profesional dos graos A, B e C ou as especialidades formativas de competencias clave, no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, que a formación se imparta na modalidade virtual, no correspondente rexistro estatal.