Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas - 2026


  • 04/02/2026
  • 30/09/2026

TR347F - Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas - 2026

Data de publicación: 04/02/2026

Data inicio de solicitude: 11/02/2026

Data remate de solicitude: 30/09/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para promover os incentivos á contratación indefinida inicial e a formación de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou por persoas profesionais con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de promover a consolidación do emprego autónomo.

A finalidade do programa é favorecer a creación de novos empregos estables e contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego, a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte á contratación de persoas traballadoras.

Características da axuda

Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:

1. Bono de contratación por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas sexan desempregadas conforme o concepto definido.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2025 e ata o 30 de setembro de 2026, ambas as dúas datas incluídas.

c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.

d) Que estean comunicadas ao Servicio Público de Emprego a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.

A contratación deberá ser indefinida inicial, incluídos os contratos fixos descontinuos. O período de actividade no caso do contrato fixo descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.

O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial. Neste último caso, para ser subvencionable deberá ter unha xornada mínima do 50 %, desde o seu inicio, respecto da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

Subvenciónanse ao abeiro desta orde a primeira, a segunda e a terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma ou a persoa profesional.

I. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.

II. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que na data de formalización deses contratos existan no cadro de persoal da persoa/entidade solicitante unha persoa contratada indefinida (para a segunda contratación) ou dúas persoas contratadas indefinidas (para a terceira contratación).

As contratacións indefinidas iniciais terán os seguintes incentivos:

I. Primeira persoa traballadora indefinida desempregada:

7.500 €. A contía será de 9.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

II. Segunda e terceira persoa traballadora indefinida:9.000 €. A contía será de 11.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

Os incentivos sinalados no número anterior incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

a) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

b) Persoas maiores de 45 anos (non será aplicable no caso de que a axuda se conceda polo colectivo de maiores de 52 sinalado na letra c) das liñas I e II.

c) Persoas trans.

d) Se a persoa incorporada é unha muller nunha profesión ou oficio en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio do Emprego, tal e como figuran no anexo II.

Deste xeito as contías máximas posibles, de se aplicaren todos os incrementos, serían:

- Para a primeira persoa traballadora indefinida 14.400 €.

- Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 17.600 €.

Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo (período de actividade do contrato fixo descontinuo, que deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano).

2. Bono de formación (opcional) por medio do cal se proporcionará unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.

Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen.

b) A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data de inicio do contrato da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de outubro de 2026.

Esta formación incentivarase cunha axuda de 2.000 euros por cada persoa traballadora cuxo contrato se subvenciona por medio do bono de contratación e que cumpra os requisitos establecidos.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.


Publicación boletín

Ficha informativa sede

Válido dende: 
mércores, 4 Febreiro, 2026
Válido ate: 
mércores, 30 Setembro, 2026