Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais - 2026

- 18/02/2026
- 19/09/2026
-
Etapa
TR802G - Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais - 2026
Data de publicación: 18/02/2026
Data inicio de solicitude: 02/03/2026
Data remate de solicitude: 19/09/2026
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para apoiar o emprendemento en economía social e establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.
Características da axuda
Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000,00 € con carácter xeral.
Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:
a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se encontra en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral, que cumpra as condicións definidas.
d) Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.
e) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo ao cal se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
i) Un 25 % se se trata de unha entidade de nova creación constituída inicialmente con catro ou máis persoas socias traballadoras.
Para a aplicación dos citados incrementos, teranse en conta as circunstancias que consten acreditadas no momento de ditar a proposta de resolución.
Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 € ao mes, por un período de entre seis (6) e doce (12) meses.
Cando a dedicación sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo, nos termos previstos, a contía dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.
A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500,00 €.
Persoas beneficiarias
Terán a condición de persoas beneficiarias as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:
a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego, nos termos que se indican.
b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo fixo descontinuo.
c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa á cal se incorporan, sempre e cando estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.
d) Persoas que no momento da súa incorporación sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
A incorporación deberá supor incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias polos cales se percibe a subvención.
Tamén se poderán acoller a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego nos termos que se indican.