Primeira experiencia profesional das persoas mozas - 2026

- 09/06/2026
- 30/09/2026
-
Etapa
TR353C - Primeira experiencia profesional das persoas mozas - 2026
Data de publicación: 09/06/2026
Data inicio de solicitude: 16/06/2026
Data remate de solicitude: 30/09/2026
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral, dotándoas á vez de competencias para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de proporcionar a estas persoas unha primeira experiencia no emprego, promovendo a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.
Características da axuda
Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de persoas menores de 30 anos a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se celebren con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán levar a cabo con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional, aos estudos universitarios ou o catálogo de especialidades formativas do Sistema nacional de emprego con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
Serán subvencionables ao abeiro deste programa:
a) As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.
b) As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.
Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.
Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude destas axudas, sempre que se cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación:
a) Que teñan feitos os 16 anos e non fixesen os 30 anos no momento da contratación.
b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos contemplados no artigo 4.1.a) do Real decreto ley 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización no que van a ser contratadas.
O período durante o que se teñen que realizar os contratos formativos para ser subvencionables será dende o 16 de outubro de 2025 ata o 30 de outubro de 2026.
No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas será dun mes dende a recepción da notificación da concesión da axuda, e en todo caso o 30 de outubro de 2026.
No caso de que o prazo dun mes para a realización dos contratos se estenda mais alá do 30 de outubro de 2026, esa será en todo caso a data límite para contratar (30.10.2026).
O número máximo de contratos subvencionables establécese en 3.
As contías máximas do incentivo á contratación por 12 meses, a xornada completa, que se concederán con carácter xeral serán as seguintes:
a) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
b) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
c) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
As persoas mozas serán contratadas a tempo completo, ben na modalidade de obtención de práctica profesional, ben na modalidade de contrato de formación en alternancia, e durante un período mínimo continuado de 12 meses en ambos os casos, salvo que se trate dunha substitución. A contía da axuda toma como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. O salario que percibirán as persoas mozas contratadas será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e coa titulación requirida para o posto incentivado.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas traballadoras mozas por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións establecidos.
Tamén poderán ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para realizar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social respectivamente.