Aberta a convocatoria para o ano 2018 dos premios de Artesanía de Galicia

Ven de publicarse no DOG a resolución do 7 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN200A).

O obxectivo deste premio e o de recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Os premios Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

a) Premio Artesanía de Galicia 2018.

b) Premio Traxectoria 2018.

c) Premio Bolsa Eloy Gesto 2018.

A quen vai dirixido?

1. Premio Artesanía de Galicia 2018.

Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal, de acordo coa Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia e co Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

2. Premio Traxectoria 2018.

Persoas artesás en activo ou retiradas que estean ou estiveron inscritas como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

Acceso á publicación da convocatoria e as bases reguladoras no DOG

Información sobre o procedemento da Sede Electrónica da Xunta de Galicia