A Xunta abre un proceso extraordinario para o recoñecemento de actividades artesanais
A Xunta, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, abre un programa extraordinario para que aquelas persoas que, realizando unha actividade artesanal das comprendidas no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e non posúan unha titulación adecuada nin experiencia profesional, poidan obter a carta de artesán que acredite esta condición.
A través deste programa, segundo se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, poderase outorgar a carta de artesán ás persoas físicas que reúnan as condicións previstas no artigo 12.3 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, que exerzan unha actividade artesanal que supoña a creación, produción, restauración ou reparación de bens de valor artístico ou popular, así como a prestación de servizos, sempre que estas se presten ou obteñan mediante procesos nos que a intervención persoal constitúe un factor predominante e o produto final sexa de factura individualizada e distinta da propiamente industrial.
Con esta nova iniciativa preténdese mellorar a profesionalidade e competitividade do sector artesanal, favorecendo a rendibilidade da actividade e garantindo a pervivencia dos oficios, de gran importancia non só no ámbito social ou cultural, senón como fonte de xeración de emprego e riqueza. Para participar no Programa deberase presentar unha solicitude acompañada dunha memoria das actividades profesionais realizadas, preferentemente por vía telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
As solicitudes poderán presentarse ante a Dirección Xeral de Comercio e Consumo ata o vindeiro 31 de outubro.