A Xunta avalía cos autónomos de Ferrol as medidas para facilitar o inicio da súa actividade e a súa consolidación
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Ferrol a unha nova convocatoria dos Venres Autónomos, a iniciativa coa que a Xunta pretende estar máis preto deste colectivo, favorecendo unha comunicación directa e un debate que permite ao Goberno galego “contrastar e avaliar as diferentes medidas que impulsamos non só para facilitar o inicio de actividade, senón tamén para consolidar os proxectos e para fomentar a conciliación”, tal e como destacou Conde.
O conselleiro defendeu a necesidade de coidar e consolidar a figura da persoa traballadora autónoma dentro do noso tecido produtivo, á que cualificou como “a nosa forza”, tendo en conta que un de cada cinco traballadores é autónomo (catro puntos por riba da media española) e que seis de cada 10 negocios impulsados por este colectivo teñen máis de cinco anos de antigüidade, o que fai a Galicia unha das Comunidades autónomas máis estable.
Así, a Xunta reforzará a Estratexia do Autónomo 2020 para seguir ao carón das persoas traballadoras autónomas na posta en marcha dos seus proxectos, pero tamén na fase de consolidación e crecemento -con medidas para mellorar a competitividade como o Bono Autónomo, ou para favorecer a contratación de ata tres traballadores indefinidos-, e para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. De feito, ao longo do vindeiro ano incorporaranse novas iniciativas como o Bono Nova Oportunidade ou o Bono Renova, para favorecer o relevo xeracional.
Conde finalizou poñendo en valor a contribución das persoas traballadoras autónomas que coa creatividade e innovación dos seus novos proxectos abren novas oportunidades para crear emprego e fortalecer o tecido industrial galego.