Publicado o decreto que regula o Rexistro galego de exposición laboral ao amianto
O Consello da Xunta ven de aprobar o Decreto polo que se crea e se regula o Rexistro galego de exposición laboral ao amianto (Regela).
Con este rexistro preténdese aumentar o nivel de protección da saúde do colectivo exposto ao amianto e que a vixilancia da súa saúde sexa o máis completa posible. O Regela mellora a seguridade xurídica das persoas afectadas, facilita a transparencia e a accesibilidade da información e simplifica os procedementos.
A creación do Regela axudará a controlar a vixilancia da saúde realizada polos servizos de prevención en relación co amianto. Así mesmo obrigará aos profesionais médicos do traballo que fan seguimento ás persoas traballadoras que continúan na empresa onde foron expostos ao amianto, a remitiren a información da vixilancia da súa saúde. Ademáis rexistrarase o colectivo vixiado nun sistema específico de información do Servizo Galego de Saúde. Este será un paso imprescindible para poder comparar os datos a nivel nacional no Programa integral de vixilancia da saúde das persoas traballadoras que estiveron expostas ao amianto (Pivistea).
Outra das achegas do Regela é que o persoal médico do traballo poderá acceder á información existente no Sergas en relación con anteriores vixilancias da saúde co fin de coñecer as patoloxías preexistentes. Isto é especialmente útil xa que, debido á variedade temporal das contratacións dos servizos de prevención nas empresas, é difícil que un mesmo equipo realice a vixilancia da saúde da persoa traballadora durante moitos anos.
Por último, a creación do Regela axudará ao recoñecemento médico legal das incapacidades e das prestacións por continxencias laborais das persoas afectadas, xa que ao tratarse dun rexistro oficial, a inscrición poderá ser presentada no procedemento de acreditación da súa exposición laboral. Ademais, posibilitará un procedemento para que as persoas traballadoras expostas ao amianto que non teñan recoñecida esta circunstancia nas empresas nas que traballaban poidan ser incluídas no rexistro.