Nova edición dos premios ás inicitivas de desenvolvemento rural Agader - 12ª edición - 2021
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar unha nova edición dos Premios Agader coa finalidade de premiar aquelas iniciativas que contribúan a xerar unha sociedade máis dinámica e cohesionada.
Nesta décimo segunda edición as categorías dos premios son as categorías :
a) Categoría mocidade, para as iniciativas levadas a cabo por persoas mozas, que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación.
b) Categoría paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas cales se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario.
c) Categoría proxectos de interese social, para as iniciativas orientadas á integración dos colectivos máis desfavorecidos, á inserción social ou ao coidado dos nosos maiores.
d) Categoría turismo, para as iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico potenciando a ampla riqueza dos recursos turísticos do medio rural de Galicia.
e) Categoría sector agrogandeiro, dirixida a iniciativas desenvolvidas dentro dos sectores da gandaría, a agricultura e/ou a transformación agroalimentaria que aposten polo valor engadido na súa produción.
f) Categoría mulleres, para as iniciativas levadas a cabo por mulleres ou destinadas a elas, no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que sexan fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización e a innovación.
g) Categoría innovación tecnolóxica, dirixida ás iniciativas desenvolvidas no rural galego que incorporen a innovación para obter un novo produto ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos ou para seren máis rápidas na súa introdución no mercado.
h) Categoría recuperación e posta en valor da terra agraria, destinada ás iniciativas que contribúan, directa ou indirectamente, a recuperar e poñer en valor terras que están infrautilizadas.
Para participar en calquera das categorias o prazo está aberto ata o próximo 11 de marzo de 2021 a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.