A Xunta imparte un novo taller gratuíto no campus de teleformación sobre a igualdade laboral no eido da negociación colectiva para 400 participantes
O espazo de teleformación da Xunta en materia de igualdade laboral ofrece o obradoiro gratuíto en liña co título A igualdade de oportunidades e a prohibición de discriminación que conta con cerca de 400 inscricións.
Con esta nova formación, que inaugurou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, preténdese afondar na inclusión do principio de non discriminación desde a perspectiva dos plans de igualdade e a súa inclusión na negociación colectiva.
Este é o segundo obradoiro en liña que a Administración galega ofrece a través da plataforma na que se espera este ano ofertar un total de 20 obradoiros con máis de 5.000 prazas de formación aberta á cidadanía.
A directora xeral cualificou os plans de igualdade como “instrumentos revolucionarios” para “garantir a igualdade entre mulleres e homes nas condicións laborais”. “É totalmente imprescindible que a súa elaboración sexa a adecuada, para que ao final da mesma se inclúan as medidas necesarias que ataquen e erradiquen a desigualdade”, incidiu.
A sesión distribúese en 4 horas docentes nas que afondar sobre o marco normativo do principio de igualdade e a súa aplicación na negociación colectiva. Imparten a formación o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza; e a inspectora de traballo, Teresa Pedrosa.
Mancha aproveitou para anunciar un próximo taller que se celebrará o 8 de febreiro que que versará sobre a diagnose e a información cuantitativa e cualitativa que é necesaria para a realización dos plans de igualdade. Terá continuidade, tal e como detallou, con máis actividades formativas nas que se abordará a análise de cada unha das materias que integran os plans e as medidas a activar polas empresas.