Xunta e Fundación Ronsel inician unha nova edición de Galicia Camiño Emprendedor para impulsar proxectos empresariais a través do mentoring

Xunta e Fundación Ronsel porán en marcha una nova edición do proxecto Galicia Camiño Emprendedor de impulso ao talento e ao emprego na comunidade autónoma co que se apoia ás persoas emprendedoras galegas mediante un proceso de mentoring a través da realización das etapas do Camiño de Santiago.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañadas polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asinaron hoxe co director da Fundación Ronsel, Luis García, o protocolo de colaboración para a posta en marcha desta iniciativa, que arrancará os vindeiros días 26 e 27 de abril polo Camiño Francés; e en xuño recalará unha vez máis en Ourense, a través da Vía da Prata, ruta Xacobea na que Ourense é a porta de entrada.

En total, realizaranse 12 etapas, 12 retos, o lema escollido para esta nova edición, nas que as persoas participantes poderán mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción, no caso de que sexa preciso, sempre da man dunha mentora ou mentor que se adaptará á realidade de cada persoa emprendedora. Nesta edición está prevista a participación dunhas 200 persoas entre emprendedoras e mentoras.

Os retos que se propoñen acadar nesta ocasión están en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). O obxectivo é difundir estes retos e convidar aos participantes a integrar polo menos un deles nos seus obxectivos empresariais. O programa rematará en decembro en Santiago de Compostela, coincidindo coa capitalidade da economía social que este ano ostenta a cidade galega.

O proceso de mentoring é a clave deste programa que, en palabras de Lorenzana, supón “unha fórmula multiplicadora do talento que cimenta unha Galicia máis capacitada e cohesionada, na que o intercambio de experiencias profesionais e vitais contribúan a facer do emprendemento unha forza impulsora en Galicia”.

A conselleira, así mesmo, indicou que o Camiño de Santiago, o espírito que move aos peregrinos e peregrinas a realizalo, garda semellanzas co camiño que percorren as persoas emprendedoras ao poñer en marcha unha iniciativa por conta propia. “É un camiño longo e cheo de retos, no que de cando en vez é preciso atopar un apoio de impulso para continuar”, engadiu. Sinalou, polo tanto, a oportunidade que brinda este programa, que desenvolven a Xunta e a Fundación Ronsel desde o ano 2017, ao conxugar a cultura galega co propósito de dinamizar o emprego en Galicia. Neste senso, puxo en valor o traballo da fundación nesta tarefa e a súa experiencia con máis de 20 anos de traxectoria. A Consellería de Emprego e Igualdade colabora coa Fundación Ronsel a través de diferentes liñas de colaboración destinando desde 2009 máis de 2,2 millóns de euros.

Por último, referiuse á inscrición no programa que poderá facerse a partir de mañá través da propia Fundación Ronsel, a páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade ou a Oficina do Autónomo de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pola súa banda, puxo en valor a formación e o emprendemento como valores fundamentais neste contexto de cambio de paradigma socioeconómico, especialmente no ámbito turístico, e destacou o feito de que a iniciativa se desenvolva vencellada ao Camiño no marco desta celebración do Xacobeo, “o Camiño é perfecto para á reflexión e para coñecerse a si mesmo pero tamén para que xurdan novas ideas, xa que as ideas realmente grandes xorden camiñando”, reflexionou, ao tempo que puxo en valor a iniciativa do Goberno galego na posta en marcha da Aceleradora de Proxectos Turísticos, que celebra agora a súa segunda edición e que recibiu máis dun cento de propostas de startups para o seu impulso.


Máis información