A Xunta amplía ata os 4,7M€ as axudas ao lecer nocturno polos peches de fin de ano para atender todas as solicitudes que cumpran requisitos
A Xunta de Galicia ampliará ata os 4,7 millóns de euros as axudas extraordinarias dirixidas ás persoas titulares dos negocios de lecer nocturno que optaron por pechar os seus establecementos o pasado fin de ano, co obxecto de poder atender todas as peticións que cumpran cos requisitos previstos na orde publicada o pasado febreiro no Diario Oficial de Galicia.
A Consellería de Emprego e Igualdade engadirá así 1,2 millóns extra á partida inicial prevista de 3,5 millóns de euros, co obxecto de compensar as perdas nas que estes establecementos incorreron a causa do peche opcional proposto, para evitar a propagación do coronavirus o pasado Nadal.
Teñen dereito a acceder a estas axudas directas as empresas do ocio nocturno que comunicaran previamente á Xunta a súa decisión de suspender a súa actividade entre as 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 03.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022, conforme ao establecido na orde da Consellería de Sanidade (DOG, 29 de decembro) ante a situación acadada pola pandemia nesas datas.
As axudas acordadas acadan contías que varían en función da superficie dos establecementos: 2.500 euros se teñen de menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500 metros; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros; e un total de 45.000 euros para os grandes establecementos, con máis de 2.000 metros cadrados.
Ao día de hoxe recibiron os pagamentos un total de 479 empresas. A Xunta estima superar as 600, entre discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas e de concertos, grazas a esta ampliación. Os apoios estanse a financiar con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
A situación pandémica, agravada en decembro de 2021 pola velocidade da propagación, obrigou ás autoridades sanitarias galegas a artellar medidas extraordinarias para minimizar o impacto económico e apoiar o mantemento do emprego nunha das actividades máis afectadas, os establecementos de lecer nocturno.
Por este motivo deseñouse un programa extraordinario de axudas para os negocios que optaron por acollerse á suspensión da actividade sen ter adiantado ou atrasado as festas e eventos previstos nesas datas, que agora se queren facer chegar a todos os negocios que cumpriron cos requisitos esixidos.