A Xunta convoca as axudas do programa Innovapeme para que as pemes e microempresas galegas aumenten a súa capacidade innovadora

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria do programa InnovaPeme, investindo un total de 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar 8,6 millóns en total.

Deste xeito, a Axencia Galega de Innovación mantén o seu compromiso coa mellora da competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, poñendo o foco nas empresas de menor tamaño, con máis dificultades para emprender este camiño.

Esta quinta edición de InnovaPeme centra a liña de axudas a incrementar a capacidade innovadora das pemes e microempresas galegas a través de actividades integradas en plans de innovación. Cun orzamento de 2,8M€ permitirá ás beneficiarias sistematizar os procesos de innovación da empresa a través do financiamento de actividades como estudos de novos produtos ou servizos innovadores, asesoramento en innovación, solucións innovadoras que melloren a produción, novas metodoloxías que incidan positivamente no funcionamento interno da empresa, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.

Esta convocatoria, de concorrencia competitiva, prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas e, deste xeito, contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pemes galegas co resto de axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación.


Máis información