A Xunta sinala que a rede de emprendemento avogará pola igualdade de oportunidades e polo talento feminino para a mellora da competitividade
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, destacou hoxe en Santiago de Compostela que a rede autonómica de emprendemento, que unificará e coordinará os programas e axudas da Xunta neste eido, avogará pola igualdade de oportunidades e polo talento feminino como claves para a mellora da competitividade.
Ardao, na xornada de peche e entrega de premios da segunda edición do programa Olympe Emprende, de fomento de iniciativas emprendedoras transformadoras impulsadas por mulleres, indicou, ademais, que a nova rede apoiará os proxectos empresariais en todas as súas etapas, desde a súa creación ata a consolidación, “con atención ás persoas emprendedoras que inician a súa actividade ou ás que desexen consolidala ou reorientala”, engadiu.
A directora xeral indicou que a rede nace para o impulso de todas as iniciativas empresariais, integrando todos os instrumentos que existen actualmente ou están en proceso de creación, “o que favorecerá o crecemento e a consolidación do emprego en Galicia”, subliñou.
Resaltou, así mesmo, que o cooperativismo, que forma parte da economía social, é “unha fórmula sólida” para o emprendemento, que cada vez ten máis presenza en Galicia.
Ardao, para rematar, animou aos participantes deste programa a emprender e a utilizar as ferramentas das que dispón o Goberno galego para axudar a poñer en marcha novos negocios e xerar emprego.