Pemes, persoas autónomas e cooperativas poden solicitar desde hoxe os apoios de ‘Xempre Emprendemento’ para financiar investimentos realizados este ano
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova convocatoria Xempre Emprendemento na que a Xunta destinará 2,8M€ a apoiar con ata 30.000 euros os investimentos realizados este ano por pemes, persoas autónomas e entidades de economía social en equipamento e eficiencia enerxética, entre outros.
Trátase de outorgar liquidez ás iniciativas empresariais nacidas a partires do 1 de xaneiro de 2020 para contribuír a manter a súa actividade e gañar competitividade.
Pódense beneficiar do programa pemes, persoas traballadoras autónomas e sociedades cooperativas e laborais que teñan iniciada a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2020 (ou máis tarde) e permanezan en activo. O prazo de solicitude iníciase hoxe e concluirá o próximo 4 de novembro.
A través da nova liña, o Goberno galego axuda coa financiaciación de investimentos realizados polas entidades entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da solicitude. Cubriranse, deste xeito, investimentos efectuados (debidamente xustificados mediante factura) en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais, ou adquisición de equipos de segunda man para o negocio, entre outros.
Os pagamentos a percibir variarán en función da intensidade do investimento realizado. Irán así dun mínimo de 3.000 euros para a mínima inversión financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros).
Con esta nova política, a Xunta segue a impulsar as iniciativas de emprendemento e o mantemento de empregos de calidade.
Xempre Emprendemento insírese na estratexia Xempre Contigo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que está a impulsar a iniciativa empresarial no territorio e as políticas de apoio ás persoas traballadoras autónomas e á economía social.