A Xunta aposta pola transformación industrial das pemes galegas con novos apoios que permitirán promover máis de 200 proxectos de dixitalización
O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar unha nova convocatoria desta liña de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes se abre mañá, e coa que se aspira a facilitar a transformación industrial das pemes galegas con novas axudas que permitirán promover máis de 200 proxectos de dixitalización.
Cun orzamento de 5 millóns de euros, facilitarase a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme.
Esta é a octava convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018, dada a súa importancia para impulsar a reactivación do tecido empresarial a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.
En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos. As axudas cobren o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, e nos dous casos o 50% dos custos de colaboracións externas.