Os clientes poderán empregar desde este luns o Bono Activa da Xunta nos comercios de proximidade

Os clientes do comercio galego de proximidade poderán descargar e empregar desde o luns 9 de outubro o Bono Activa Comercio, ao que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 2,5 millóns de euros co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela a este tipo de establecemento.

A iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias. Cada persoa poderá descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que suman xa máis de 4.000.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa, e o importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como na edición anterior deste ano non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos (un por persoa), senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores ata o 31 de decembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado. Pola súa banda, os comercios que se queiran adherir a esta iniciativa poderán facelo ata o 15 de decembro.

Con esta nova edición a Consellería de Economía, Industria e Innovación amosa o seu compromiso tanto co comercio local como coas persoas consumidoras convocando este programa que sempre tivo unha repercusión moi positiva. De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2021 xa se mobilizaron preto de 54 M€ neste sector favorecendo máis de 950.000 transaccións nos establecementos comerciais.