A Xunta lanza un espazo web que reunirá todos os recursos para impulsar o emprendemento en Galicia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na conmemoración en Galicia do Día Mundial do Emprendemento, un acto que aproveitou para poñer en valor a potencialidade da comunidade galega como rexión emprendedora e para referendar os apoios que o Goberno galego seguirá a brindar na nova Lexislatura ás persoas que desexen investir ou desenvolver unha actividade económica na comunidade.

Entre outras medidas, o representante da Xunta referiuse ao lanzamento do denominado Mapa de emprendemento, un espazo virtual que integra por primeira vez o ecosistema galego de apoio ao emprendemento con todos axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio.

González destacou, no acto celebrado esta mañá na Cidade da Cultura, que a Xunta seguirá a impulsar o emprendemento e fará un “esforzo importante” para reforzar o acompañamento ás persoas cunha idea de negocio.

O conselleiro referiuse á Rede de polos que, con 13 centros abertos, estase a consolidar como dinamizadora da economía, en especial no rural, ao se nutrir das novas ideas e oportunidades relacionadas, entre outros ámbitos, coa tecnoloxía, o turismo, as enerxías renovables ou as producións orgánicas. A idea, remarcou, é chegar aos 15 centros máis un que atuará como coordinador, e avogar polo acompañamento de xeito máis intenso.

A Rede asesorou desde o seu estreo, hai algo menos de dous anos, máis de 1.600 proxectos. Os promotores atopan nestes centros apoio técnico e experto para o inicio ou renovación dos seus negocios en todas as etapas.

O representante autonómico quixo destacar, por outra banda, a aposta pola remuda, unha necesidade que , dixo, hai que atender para evitar que morra o ecosistema comercial das localidades galegas.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en marcha, no marco da Rede de polos, un programa específico de remuda, cun cento de empresas adheridas, coa finalidade de garantir a súa supervivencia, poñendo en contacto a persoas que cesan a súa actividade coas interesadas en retomala.

Na mesma liña, González sinalou a importancia de seguir a potenciar e dinamizar o emprendemento na economía social. Estes modelos promoven valores como a igualdade ou a solidariedade e antepón os intereses da colectividade.

A Xunta de Galicia quere apoiar todo tipo de emprendemento, innovador ou tradicional, “todo aquelo que nos permita progresar como sociedade e como comunidade autónoma”, afirmou o conselleiro, quen fixo referencia aos galegos no exterior, onde hai xente con moita cualificación, á que se lle pode brindar a posibilidade de ofrecerlle un retorno digno, para que poida traballar na comunidade por conta allea ou pola vía do emprendemento.

González amosou o seu convencemento de que a comunidade debe enfrontar o reto demográfico poñendo en valor o emprendemento, a actividade económica e atraendo xente con ganas de innovar.

Con datos dos dous primeiros meses do 2024, a Xunta é a primeira Administración autonómica do Estado polo seu esforzo investidor, con máis de 205 millóns de euros mobilizados en distintas convocatorias para o emprego, destacou o novo titular de Emprego, Comercio e Emigración.

Iniciativas impulsadas pola Xunta como a cota cero para os novos autónomos, o programa de promoción do emprego autónomo ou o de nova oportunidade para traballadores por conta propia están a propiciar máis e mellor emprego.


Portal Mapa emprendemento