A Xunta activa unha nova edición dos Bonos Activa Comercio dotada con 2,5 M€ para seguir impulsando as vendas nos negocios locais

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Santiago o comercio téxtil Frisée con motivo do lanzamento da nova edición do Bono Activa Comercio. A Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos -xa hai máis de 6.100 adheridos en toda Galicia nestes momentos e uns 72.000 bonos de desconto descargados en apenas dez horas- co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.

Os negocios levan sumándose desde o pasado 23 de outubro a esta iniciativa, e teñen de prazo para seguilo facendo ata o 15 de decembro. Mentres, as persoas consumidoras poden descargar desde xa na web www.bonosactivacomercio.gal bonos desconto de ata 30 euros para as compras que realicen nos comercios vencellados.

Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe varía en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Na última edición superáronse os 6.800 negocios participantes. En total, nas catro edicións anteriores acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros.