A Xunta avalía na Mesa do Emprego Autónomo a nova orde unificada con 40 M€ en axudas para o colectivo
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presidiu onte pola tarde unha nova xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, onde se avaliou a nova orde que o ano que vén unificará 40 millóns de euros en axudas específicas para o colectivo. Unha orde que dá cumprimento ao compromiso adquirido polo presidente da Xunta co gallo de reducir trámites e axilizar a concesión de achegas.
En concreto, no encontro -que contou coa representación das entidades APE Galicia, ATA e UPTA-Agtamar- detállouse que a convocatoria reunirá a cota cero e apoio ao inicio de actividade, o Bono Autónomo, o programa de Nova Oportunidade, o Bono Remuda e axudas á conciliación, que se enmarcan no total de 60 millóns de euros que se mobilizan cada ano en políticas de traballo autónomo e emprendemento.