A Xunta analiza co colectivo de autónomos as apostas do futuro Plan estratéxico do comercio 2025-2030

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presidiu unha nova xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, centrada na elaboración do Plan estratéxico de comercio 2025-2030. Esta xuntanza forma parte do proceso participativo para a elaboración desta folla de ruta, que se prevé tela lista no primeiro trimestre do próximo ano co obxectivo de impulsar a dinamización do comercio de proximidade, onde teñen un importante papel os traballadores autónomos.

Entre as cuestións abordadas e que abarcará este plan están o pulo á innovación do sector retallista e a súa dixitalización para ofrecer produtos diferenciados. Ademais, con el búscase elaborar un Mapa do Comercio de Galicia que albergue a todo o sector comercial e promover a remuda xeracional, especialmente no rural. A revitalización dos mercados, prazas de abastos e recintos destinados a feiras son outras das apostas que persegue esta ferramenta, que se está elaborando xunto con todos os axentes implicados.