A Xunta impulsa a innovación e sostibilidade do comercio cunha nova convocatoria de case 4 M€ que axiliza trámites e busca chegar a máis negocios

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou en Ourense as tendas Turini Sport e Amodo, negocios beneficiarios das axudas para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, das que o Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria. A ela a Xunta destina 3,95 M€ e abarca tres liñas compatibles entre si orientadas á dixitalización e innovación comercial, á modernización, mellora da imaxe e eficiencia e á sostibilidade ambiental mediante unha maior conciencia sobre as embalaxes.

Gabriel Alén explicou que a orde deste ano inclúe novidades que buscan, entre outros fins, chegar a máis negocios beneficiarios, por exemplo a empresas con varias tendas que ata agora non podían acceder ás achegas, e avanzar na simplificación administrativa.

Destaca a ampliación do período subvencionable para atender todas as actuacións realizadas desde o fin do período marcado na orde anterior, isto é, desde o 25 de outubro de 2025. Tamén se axilizará a concesión das achegas ao exixir menos documentación complementaria e simplifícase o procedemento de concesión e de pagamentos anticipados co obxecto de axilizar as achegas. Ademais, as intensidades da axuda elévanse do 80 % xeral ao 90 % para establecementos implicados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.

Lembrou tamén que esta convocatoria se enmarca no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co afán de apoiar o sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías, acondicionamento dos locais comerciais, na mellora dos equipamentos, así como no compromiso ambiental. En concreto, estes apoios diríxense a comerciantes retallistas con tenda física e a obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que poderán tramitar as súas solicitudes desde o próximo 16 de xaneiro ata o 16 de febreiro, ambos días incluídos.

En canto ás accións subvencionables, a liña de dixitalización e innovación comercial inclúe actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, engadindo como novidad as memorias-proxectos de dixitalización. O investimento máximo subvencionable será de 18.750 € e a axuda máxima, de 15.000 €.

Na liña de modernización, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluída a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións para mellorar a eficiencia enerxética. Tamén abarca a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal, incorporando como novidade os aparellos eléctricos de aromatización e fío musical. Neste caso, o investimento máximo establécese nos 20.000 € e a axuda máxima, nos 16.000 €.

Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado, recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamos 100 % e, como novidade, en bovinas de papel 100 % reciclado. Nesta liña, o investimento máximo subvencionable será de 2.500 € e a axuda máxima, de 2.000 €.

Cómpre engadir que no 2025 beneficiáronse deste tipo de axudas un total de 728 negocios (664 comerciantes retallistas e 64 obradoiros artesáns) por un importe global de case 3,9 M€. Entre eles están Turini Sport e Amodo Tenda, que obtiveron apoio nas liñas de dixitalización —para aspectos como software de xestión da actividade— e modernización —para obras de acondicionamento e reforma no caso de primeira e de melloras de equipamentos no caso da segunda, entre outros—.


Máis información