A Xunta reforza o apoio ao tecido produtivo con ferramentas pioneiras de formación flexible como as microcredenciais e as novas axudas ao emprendemento

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou a importancia de avanzar nunha política integral de apoio ao tecido produtivo, que combina novas ferramentas de formación flexible e á carta, adaptadas ás necesidades reais das empresas —con fitos como o novo decreto de microcredenciais para o traballo publicado no Diario Oficial de Galicia—, xunto co pulo estratéxico do emprendemento ligado ao territorio.

Así o fixo na xornada Mapa de axudas para autónomos e pemes, organizada por AJE Galicia, na que estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral do Igape, Covadonga Toca. Durante a súa intervención, José González expuxo as liñas mestras da Consellería e subliñou a importancia, no marco da aposta polo Diálogo Social, de avanzar da man de entidades como AJE, que representan —remarcou— a capacidade emprendedora necesaria para garantir a remuda xeracional, a fixación de poboación e o equilibrio territorial.

Como mostra do compromiso da Xunta como Administración facilitadora, útil e aliñada coas necesidades das empresas, resaltou o redeseño integral da formación para o emprego promovido polo Executivo autonómico, con foco na flexibilización e na conexión directa co mercado laboral. Neste contexto, destacou o futuro escenario que abrirá o novo decreto, cuxa implantación será progresiva e que permitirá a empresas e clústeres desenvolver formación curta, práctica e adaptada ás súas demandas, en beneficio tanto da súa competitividade como da empregabilidade e reciclaxe profesional continua das persoas traballadoras. Na mesma liña, mencionou outras medidas, como a nova orde de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), dotada con 40 M€ e cuxo prazo de solicitudes está aberto ata o 30 de novembro, ou o plan Galicia Suma Talento, para a formación de persoas ocupadas, con 10,6 M€, cuxo prazo se inicia este venres.

No ámbito do autoemprego, o conselleiro destacou a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025–2030, actualmente en fase de consultas con todo o ecosistema, e que busca consolidar o liderado de Galicia neste campo, que xa lle valeu o recoñecemento como Rexión Emprendedora 2025. Ao abeiro desta Estratexia, anunciou a próxima publicación no DOG dunha convocatoria de axudas por 6,7 M€ para apoiar unhas 800 novas iniciativas emprendedoras constituídas desde 2024. As achegas, de ata 35.000 euros, priorizarán o sector de actividade —especialmente o primario, forestal e os servizos sociais— e a localización en concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais, animou ás entidades vencelladas ao emprendemento a sumarse ao Manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento a través de www.ultreiagalicia.com, que conta xa cunha trintena de asinantes e continúa a medrar como espazo clave de colaboración público-privada.

Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, expuxo o paquete de axudas de máis de 180 M€ lanzado no Diario Oficial de Galicia o pasado 16 de xaneiro, que inclúe 13 das principais liñas de apoio ao tecido empresarial galego previstas para 2026. Trátase dun dos maiores paquetes de apoio empresarial anticipados postos en marcha pola Xunta, co obxectivo de ofrecer ás empresas maior previsibilidade e capacidade de planificación dos seus investimentos e actividades desde o inicio do exercicio. Neste sentido, detallou que o catálogo de axudas abrangue ámbitos como a innovación, coa posta en marcha de programas como Industria Innova ou Igape Innova; o financiamento, a través de préstamos directos; a internacionalización; o apoio ás startups; así como o impulso á incorporación da intelixencia artificial e doutras tecnoloxías avanzadas nos procesos produtivos. Un conxunto de medidas —subliñou— deseñadas para reforzar a competitividade, o crecemento e a transformación do tecido empresarial galego.