A Xunta apoiará con ata 35.000 euros 800 novas iniciativas co foco no rural e a remuda no marco da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio
O Diario Oficial de Galicia vend e publicar a nova convocatoria de axudas ao emprendemento, dotada con 6,7 M€, e destinada a apoiar ata 800 novas iniciativas emprendedoras constituídas na Comunidade desde 2024. As axudas, que poden chegar aos 35.000 € por proxecto, poden solicitarse xa e permanecerán abertas ata o vindeiro 2 de marzo de 2026.
Esta medida enmárcase na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en período de consultas con todo o sector, orientada a fixar actividade económica no rural e favorecer o equilibrio territorial e a remuda, abranguendo todo o ciclo emprendedor. En coherencia con estes obxectivos, a convocatoria deste ano incorpora novos criterios para garantir un maior impacto territorial e arraigamento dos proxectos. Como principal novidade, valoraranse aspectos vinculados co sector da actividade - con especial atención ao primario, ao forestal, á prevención de lumes e aos servizos sociais -, así como a localización en concellos emprendedores ou de menos de 20.000 habitantes, priorizando de maneira progresiva aqueles de menor poboación. Estas melloras súmanse ás introducidas en 2025, entre as que destaca o incentivo da remuda xeracional para garantir a continuidade de negocios viables en funcionamento.
Con esta liña de axudas - da que xa se beneficiaron 3.400 persoas emprendedoras desde 2022 - a Xunta busca potenciar un ecosistema sólido no que as ideas dos emprendedores galegos, especialmente no rural ou en zonas con risco demográfico, conten con todos os recursos necesarios para converterse en realidade, nunha aposta xa referendada co recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025.
Poderán acollerse a liña de apoio publicada as persoas autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, cooperativas e sociedades laborais que se constituísen ou se desen de alta a partir do 1 de xaneiro de 2024, co obxectivo de financiar investimentos vinculados ao equipamento informático, ao mobiliario, ás melloras de eficiencia enerxética, á reforma de locais ou á adquisición de activos pertencentes a establecementos existentes, incluíndo bens de equipo de segunda man.
A intensidade das axudas varía en función do investimento realizado: entre 5.000 e 20.000 euros, cobertura do 55 %; entre 20.001 e 30.000 euros, do 50 %; e entre 30.001 e 60.000 euros, do 45 %. Cando o proxecto permita evitar o peche dun negocio por falta de remuda xeracional, aplicarase un incremento adicional do 10 %.
A convocatoria inclúe tamén apoios de 300 € para gastos notariais e/ou rexistrais e de 1.500 € para alugamento - que ascenden a 330 euros e 1.650 no caso de remuda, respectivamente - polo que as contías finais poderán oscilar entre os 2.750 euros e preto de 35.000 euros.
Estas achegas económicas completan o labor de acompañamento gratuíto que ofrece a Rede de polos, que leva atendidos máis de 5.400 proxectos a través das súas 15 oficinas en Galicia. Precisamente ao abeiro da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, a Rede exercerá un papel fundamental na canalización e impulso de novas iniciativas, avanzando na especialización comarcal segundo os recursos de cada contorna. Ademais, este apoio complétase con outras medidas como a próxima orde unificada de axudas para autónomos, dotada con preto de 41 M€.
