Hoxe ábrese o prazo para que as persoas traballadoras autónomas soliciten os apoios específicos á súa actividade e á contratación

A Xunta lembra que desde hoxe ata o 30 de setembro as persoas traballadoras autónomas poden solicitar as achegas dirixidas ao inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade, publicadas nunha da orde única dotada con 40,7 M€ e tamén dos apoios á contratación indefinida por parte deste colectivo - 1,3 M€ -. En concreto, coa orde única prevese beneficiar 8.700 persoas autónomas e coa de contratación a unhas 160 persoas desempregadas.

A orde única abarca cinco programas e pon o foco no pulo ao sector primario, o rural e a remuda. Neste senso, inclúe novidades no programa de promoción de emprego autónomo, ampliando a dous anos a cobertura da cota cero á cotización no RETA de aquelas persoas autónomas que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría e silvicultura - axuda de ata 1.920 € - fronte aos 12 meses da liña xeral - 96 0€ de apoio -. Ademais, sobe nun 20% a contía do Bono Remuda - 1,5 M€ - dado o auxe da liña destinada a facilitar a transmisión de negocios.

Este paquete inclúe ademais o Bono Nova Oportunidade - para retornar ao autoemprego - , o Bono Autónomo - axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos - e á conciliación familiar, co obxectivo de facilitar a actividade deste colectivo.

Dos preto de 41 M€ da orde unificada - cofinanciada parcialmente pola UE a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 - 28,9 M€ dedícanse ao programa de promoción do emprego autónomo que consta de dúas liñas, unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade, a nivel xeral e ata 24 meses nos casos de inicio de actividade en calquera sector asociado á agricultura, gandaría e silvicultura. Para o Bono Nova Oportunidade destínanse 1,5 M€ e para o Bono Autónomo, 8 M€.

No Bono Remuda, os 1,5 M€ abarcan apoios para quen asume o relevo, con dúas liñas: o Bono remuda rural - para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes - e o Bono remuda xeral - para os que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis -. Ademais, desde o ano pasado tamén incorpora apoios para quen traspasa por xubilación, oscilando entre os 3.000 € e 6.000 € en función de se o concello no que está situado o negocio é de máis ou menos de 10.000 habitantes. Pola súa banda, o programa de conciliación conta con 750.000 € e tres liñas: apoio á contratación dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade - ou por risco polo embarazo ou a lactancia -, a contratación dunha persoa desempregada para o coidado de menores, maiores ou dependentes ou para financiar servizos de coidado para persoas ao cargo da persoa autónoma.

En canto ás axudas á contratación e á formación de persoas desempregadas por parte das propias persoas autónomas en Galicia, apoiarán en concreto a contratación indefinida da primeira, segunda e terceira persoa traballadora e inclúe dous tipos de axudas compatibles: os bonos de contratación e de formación para impulsar a cualificación das persoas empregadas.


Máis información