A Xunta pon en marcha Son Executiva, o programa de liderado feminino destinado a 400 mulleres galegas
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon en marcha Son Executiva, o programa formativo de liderado, creatividade e empoderamento feminino co que se pretende chegar a un total de 400 mulleres galegas.
Entre os meses de febreiro e xullo de 2020 está previsto impartir esta formación combinada cun programa de coaching individualizado en sesións presenciais nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela.
O obxectivo será reforzar os coñecementos de xestión executiva para que as mulleres galegas poidan acceder a postos de alta dirección nas empresas e dar ferramentas ás participantes para potenciar o seu propio desenvolvemento cara a consecución das súas metas profesionais.
Constará de dous niveis formativos segundo a experiencia e situación profesional das participantes:
Por unha banda un itinerario dirixido a mulleres con algún cargo directivo e experiencia profesional ou empresarias en activo;
E por outra, un itinerario para recentemente tituladas universitarios ou con formación profesional que pretendan impulsar a súa traxectoria ou poñer en marcha un proxecto emprendedor.
De cada nivel seleccionaranse 40 alumnas que poderán acceder a un curso de dirección de proxectos con certificación oficial e recoñecemento a nivel internacional.
As mulleres interesadas poden realizar a súa solicitude a través do formulario en liña.
As candidatas serán seleccionadas tendo en conta a orde de inscrición, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos de acceso.