A Xunta apoia con 10.000 euros as persoas autónomas que volvan emprender tras o cese de actividade
A Xunta financiará con axudas por unha contía de 10.000 euros ás persoas autónomas que desexen volver emprender tras o cese de actividade. Estes apoios xa poden solicitarse, tras publicarse as bases da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). O prazo rematará o próximo 31 de outubro.
Trátanse de axudas dirixidas ás persoas autónomas que se atopen en situación de desemprego e desexen volver emprender no mesmo ou diferente sector. O Bono Nova Oportunidade está dotado de 1,5 millóns de euros, un crédito co que o Goberno galego prevé poder beneficiar a unhas 150 persoas traballadoras por conta propia.
A crise provocada pola COVID-19 obrigou a persoas autónomas a pechar os seus negocios, e a Xunta de Galicia quere facilitar o seu retorno ao emprendemento no mesmo u outro sector económico.
Para optar a estes apoios esíxese, entre outros, estar dado de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 31 de outubro de 2022 ao 30 de outubro de 2023; ter cotizado anteriormente a esta nova alta ininterrompidamente polo menos durante 3 meses durante a súa vida laboral no RETA ou calquera outro réxime especial por conta propia; estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo a nova alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia; ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia. Tamén se solicita que trasncorrera un período mínimo de tres meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.
O Bono Nova Oportunidade enmárcase na nova Estratexia para o emprego da Xunta de Galicia, a marca Xempre, creada para xerar en Galicia máis emprego de calidade e apoiar o emprendemento en todas as súas fases, así como a formación para o emprego.