A Xunta lembra que as empresas galegas poden seguir solicitando os apoios abertos para microformacións específicas axustadas ás súas necesidades
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou a sede de Saraiva Sénior, un centro multiservizos para a atención e o acompañamento a persoas maiores que requiren de apoios ou coidados de longa duración. A compañía resultou beneficiaria do Bono Talento Empresa, unha iniciativa impulsada pola Xunta e orientada a ofrecer formacións non regradas de curta duración, adaptadas ás necesidades específicas do tecido empresarial para reforzar as competencias e habilidades das persoas traballadoras.
Concretamente, Saraiva recibiu un apoio de máis de 16.000 euros para impartir para o seu equipo de auxiliares de xeriatría unha acción formativa sobre modelos de atención centrada nas persoas, demencias e coidado sen suixecións.
Durante o encontro, a directora xeral lembrou que a convocatoria deste ano segue aberta ata o 16 de setembro cun importe de 2 millóns de euros co obxectivo de promover a competitividade das empresas galegas e o talento dos seus equipos, garantindo un desenvolvemento profesional no seo da organización como unha vía de fidelización do talento.
Tamén destacou que a medida se enmarca na aposta da Xunta polas microformacións, considerando absolutamente estratéxico impulsar estes modelos de experiencias curtas de aprendizaxe co obxectivo de flexibilizar a formación para o emprego e dar resposta a dous propósitos fundamentais: atender ás necesidades específicas das empresas galegas e reforzar as competencias e habilidades das persoas traballadoras.
Poden beneficiarse do Bono Talento compañías de calquera tamaño, así como persoas autónomas que teñan contratado persoal por conta allea. O importe subvencionable dependerá do tamaño da empresa, ata un máximo de 25.000 euros por entidade.
Esta actuación, que segue as directrices da Unión Europea neste ámbito, enmárcase na Axenda galega de capacidades para o emprego da Xunta e estímase que, nesta edición, alcance o milleiro de alumnos e un centenar de empresas galegas beneficiarias. Para chegar a máis empresas e persoas autónomas, avánzase na flexibilización da presentación da documentación para facerlles máis áxil e doado o trámite da solicitude.
Ademais, os proxectos formativos -de carácter non formal e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas- poderán ser adaptados a nivel de contidos, programas ou persoal docente das propias accións ás necesidades específicas de cada solicitante.
A través de ferramentas como as microformacións, Galicia avoga por unha formación adecuada ás necesidades dun mercado laboral en constante cambio e enfocada nas demandas do tecido produtivo. Por iso, o novo Plan Galego de Formación para o Emprego 2024 está dotado con máis de 117 millóns, un 12,9% máis que no exercicio anterior para continuar impulsando unha formación dual e flexible, axustada ás necesidades das empresas e do mercado laboral.